Este artigo ou sección precisa dunha revisión do formato que siga o libro de estilo da Galipedia. Pode axudar a mellorar este artigo e outros en condicións semellantes. |
Guernica | |
---|---|
Artista | Pablo Picasso |
Data | 1937 |
Técnica | óleo sobre lenzo |
Dimensións | 349 cm × 776 cm |
Localización | Museo Raíña Sofía (Madrid) |
O Guernica é un cadro pintado por Pablo Picasso en 1937, cuxo título alude ó bombardeo de Gernika ocorrido o 26 de abril do mesmo ano, no transcurso da guerra civil española. Foi pintado por encargo do Goberno da República Española para ser exposto no pavillón español durante a Exposición Internacional de 1937 en París, xunto ás obras doutros afamados artistas españois, co propósito de chamar a atención internacional cara á causa republicana en plena guerra civil.
Rematada a guerra e instaurada a ditadura de Franco, Picasso decidiu que o cadro permanecese en depósito no Museo de Arte Moderna de Nova York, aínda que expresou a súa vontade de que regresase a España cando se reinstaurase a democracia. Por fin, en 1981 o cadro foi entregado ó Goberno español para ser exposto primeiro no Casón do Bo Retiro e, desde 1992, no Museo Raíña Sofía, de Madrid, onde se presenta en exhibición permanente xunto ós esbozos preparatorios e mailas fotografías que fixo Dora Maar durante a elaboración do cadro.
A súa interpretación foi obxecto de polémicas, pero o seu valor artístico está fóra de discusión, ata ser considerada unha das obras máis importantes da arte do século XX e mesmo unha icona do século XX.