A guerra das Galias foi un conflito militar librado entre o procónsul romano Xulio César e as tribos galas entre o ano -58 e -51. No curso destas, a República romana someteu á Galia, extenso país que abranguía dende o Mediterráneo ata a Canle da Mancha. Os romanos tamén realizaron incursións a Britania e Xermania, pero estas expedicións non chegaron a transformarse en invasións en grande escala. A Guerra das Galias culminou na Batalla de Alesia en -52, onde os romanos puxeron fin á resistencia organizada dos galos. Esta decisiva vitoria romana supuxo a expansión da República romana sobre todo o territorio galo. As tropas empregadas durante esta campaña conformaron o exército co que o xeneral marchou sobre a capital da República.
Pese a que César xustificou esta invasión como unha acción defensiva preventiva, a maioría dos historiadores coinciden en que o principal motivo da campaña foi potenciar a carreira política do xeneral e cancelar as súas grandes débedas. Porén, ninguén pode obviar a importancia militar deste territorio para os romanos, que tiñan sufrido varios ataques por parte de tribos bárbaras que chegaron tanto da Galia como do norte francés. A conquista destes territorios permitiu a Roma asegurar a fronteira natural do río Rin.
Esta campaña militar é descrita extensamente polo propio Xulio César na súa obra De bello Gallico (traducida ó galego no 2019 por Alfonso Blanco Quintela baixo o título A guerra da Galia, fonte histórica de maior importancia sobre esta campaña e obra máis importante do xeneral. O libro é tamén unha obra mestra de propaganda política, xa que César estaba sumamente interesado en influír ós seus lectores en Roma.