Guerra de Vietnam | |||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Parte de Guerra fría | |||||||||
| |||||||||
Belixerantes | |||||||||
Vietnam do Sur Estados Unidos |
Vietnam do Norte Fronte Nacional de Liberación de Vietnam | ||||||||
Forzas en combate | |||||||||
300 000 |
600 000 | ||||||||
Baixas | |||||||||
230 000 |
600 000 | ||||||||
batalla de Ap Bac, campaña Máis Bandeiras, Ofensiva do Tet e protestas contra a guerra de Vietnam |
A guerra de Vietnam[1], chamada tamén segunda guerra de Indochina, foi un conflito bélico que enfrontou entre 1958 e 1975 aos Estados de Vietnam do Sur e Vietnam do Norte, apoiados polos seus respectivos aliados e especialmente os Estados Unidos que axudaron directamente aos survietnamitas até a súa retirada en 1973, no contexto xeral da guerra fría.
As faccións en conflito foron, por unha banda, a República Democrática de Vietnam co apoio de movementos guerrilleiros survietnamitas como o Vietcong ou a Fronte de Liberación Nacional (NLF, polas súas siglas en inglés) e de subministracións soviéticas e chinesas. Polo outro lado, a República de Vietnam co apoio militar e loxístico dos Estados Unidos. En axuda dos estadounidenses tamén participaron, con tropas de combate, Australia, Corea do Sur, Filipinas, Nova Zelandia e Tailandia, mentres que Alemaña, Irán, Marrocos, o Reino Unido e Suíza contribuíron con subministracións materiais e equipamento médico. Outros continxentes testemuñais en apoio dos Estados Unidos foron enviados por Taiwán e tamén España, que mobilizou un reducido grupo de médicos militares en misión sanitaria[2].
A guerra distinguiuse na súa vertente militar por transcorrer sen a formación das tradicionais liñas de fronte, salvo as que se establecían ao redor dos perímetros das bases ou campos militares, de xeito que as operacións se sucederon en zonas non delimitadas, proliferando as misións de guerra de guerrillas ou de "procura e destrución", xunto con accións de sabotaxe nas retagardas das áreas urbanas, o uso da forza aérea para bombardeos masivos e o emprego extensivo de axentes e armas químicas, constituíndo estas últimas operacións flagrantes violacións a diversas convencións internacionais de guerra que prohiben a utilización de armas químicas e biolóxicas.
A cobertura do conflito realizada polos medios de comunicación permitiu a denuncia dos frecuentes abusos dos dereitos humanos e a brutalidade sobre a poboación civil por parte dos contendentes, alimentando a crecente oposición da opinión pública internacional cara á intervención norteamericana en particular.
Ante a contestación e división da sociedade norteamericana, os acordos de paz de París en 1973 supuxeron a retirada das tropas estadounidenses e o cesamento da súa intervención directa, pero non lograron pór fin ao conflito que proseguiu até que en 1975, tras a toma de Saigón, se forzou a rendición incondicional das tropas survietnamitas e a unificación do país, baixo o control do goberno comunista de Vietnam do Norte, co nome da República Socialista de Vietnam, o 2 de xullo de 1976.
A guerra causou a morte, segundo as distintas fontes, de entre 2 e 5,7 millóns de persoas [3], a meirande parte delas civís, e graves danos ambientais.
Para os EUA, o conflito resultou ser a confrontación máis longa na que participou o país dende a súa creación e alimentou o sentimento de derrota ou "Síndrome de Vietnam" en moitos cidadáns que se viu reflectido no mundo cultural e a industria cinematográfica, así como un repregamento na política exterior até a chegada de Ronald Reagan en 1980[4].