Guinness é unha marca de cervexa negra de tipo stout elaborada inicialmente por Arthur Guinness (1725-1803) e na fábrica St. James's Gate Brewery, situada na cidade de Dublín (Irlanda). Esta cervexa é coñecida polo seu singular gusto a malte. Elabórase dende 1759 e baséase no estilo porter orixinado en Londres a principios de 1700. Trátase dunha das cervexas máis coñecidas do mundo e expórtase á meirande parte dos países. É a cervexa máis popular entre os irlandeses, sendo a bebida alcohólica máis vendida de tódolos tempos en Irlanda, onde Guinness & Co. ten uns ingresos de 2000 millóns de euros anuais.
A cervexa Guinness é toda unha icona en Irlanda, sendo un caso especial no que unha marca de bebida alcohólica elaborada por unha empresa privada chegou a identificarse coa alma dunha nación; de feito a imaxe de Guinness é asociada directamente con Irlanda e co pobo irlandés. Dende 1997 pertence á multinacional cervexeira Diageo, con sede en Londres, logo da fusión de Guinness UDV e Grand Metropolitan plc.