Gusto adquirido

Natureza morta con ostras, de Osias Beert, ca. 1610. Staatsgalerie, Stuttgart.

Un gusto adquirido[1] ou sabor adquirido é unha apreciación agradábel dun alimento ou bebida, que dificilmente sería apreciado por alguén non familiarizado con tal sabor ou cheiro, é dicir, que non teña sido exposto repetidamente a eles. O gusto adquirido tamén se pode referir ao gusto estético, como o gusto musical.

Os alimentos e bebidas chamados de gustos adquiridos poden chegar a ser considerados como repugnantes pola xente non habituada a ese sabor, ben sexa pola materia prima, a textura, a forma, a preparación, o cheiro ou a aparencia.

Os gustos adquiridos son fortemente influenciados por factores sociais como a cultura e identidade nacional, e inducidos por exposición aos hábitos da contorna social no que o individuo se desenvolve, aínda que tamén se poden adquirir gustos alimenticios de forma tardía, por exposición voluntaria ou hábito, finalizando cando a persoa sente pracer ao consumir o alimento ou bebida. Na maioría dos casos as delicias particulares de cada país ou cultura son consideradas como gustos adquiridos.

É común que os alimentos de gusto adquirido o sexan polo feito de conter o que son tabús alimenticios para certas culturas. Exemplo disto son os insectos, considerados como repugnantes en moitos países occidentais. O sangue, as vísceras, o leite e a carne fermentadas ou descompostas (ou simplemente a carne, por exemplo para os xainistas e outras culturas vexetarianas) son outros exemplos comúns de alimentos tabú nalgunhas culturas.

  1. "Dicionario; gusto". Real Academia Galega. Consultado o 2022-03-31. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne