Hanja

Caligrafía en hanja de Kim Jeong-hui (1786–1856)
Caligrafía en hanja de Kim Jeong-hui (1786–1856)

O hanja ou hancha (en hangeul: 한자; en hanja: 漢字) é o nome que reciben os caracteres chineses empregados para escribir a lingua coreana. Os hanja introducíronse en Corea por vez primeira xunto co chinés literario, mais axiña foron adaptados para transcribir a fala nativa da península; os exemplos máis antigos deste uso datan do período Gojoseon.

O termo hanjaeo (en hangeul: 한자어; en hanja: 漢字語) refírese ao vocabulario sinocoreano, que pode escribirse en hanja. Pola súa banda, hanmun (en hangeul: 한문; en hanja: 漢文) designa ao chinés clásico, aínda que a propia palabra "hanja" pode usarse tamén neste sentido. Xa que os hanja non foron nunca sometidos a grandes reformas, parécense moito ao chinés tradicional e aos kanji xaponeses, aínda que a orde dos trazos de certos caracteres pode variar lixeiramente. En consecuencia, só unha pequena cantidade de hanja recibiron modificacións ou son únicos do coreano. Pola contra, os sistemas de escrita empregados na actualidade na República Popular da China, Malaisia e Singapur foron simplificados, polo que en xeral conteñen menos trazos que os seus correspondentes hanja.

Até a época contemporánea, os textos administrativos, históricos e literarios de Corea foron rexistrados en chinés literario, co hanja como principal sistema de escrita. Porén, en 1446 o rei Sejong promulgou o hangeul (tamén coñecido como chosŏn'gŭl en Corea do Norte) mediante o Hunminjeongeum. Este silabario non entrou oficialmente en uso até finais do século XIX e comezos do XX.[1] Polo tanto, é necesario coñecer os caracteres chineses para estudar a historia de Corea. Ademais, a etimoloxía das palabras sinocoreanas tamén se reflicte nos hanja.[2]

  1. Fischer 2004, pp. 189-194.
  2. Byon 2017, pp. 3-18.

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne