Hawker Siddeley HS 748 | |
---|---|
Fabricante | Avro Hawker Siddeley Hindustan Aeronautics |
Primeiro voo | 24 de xuño de 1960 |
Produción | 1961 - 1988 |
Unidades construídas | 380 |
O Hawker Siddeley HS 748 é un avión turbohélice de pasaxeiros de tamaño medio orixinalmente deseñado e fabricado pola compañía británica Avro. Foi o derradeiro avión desenvolvido por Avro antes da súa disolución.
O HS 748 desenvolveuse a finais dos anos 50 como un movemento para reorientar a compañía cara ao mercado civil e a exportación. Impulsado polo popular motor turbohélice Rolls-Royce Dart, deseñouse especificamente como un alimentador moderno substituto do envellecido Douglas DC-3 que na época aínda era moi usado. Orixinalmente planeouse que sentase a un pequeno número de pasaxeiros, pero os estudos de mercado indicaron que unha capacidade de 40 asentos sería óptima para o tipo. Para diferencir o novo avión dos seus competidores, deseñouse para ter un alto nivel de rendemento, con capacidades para engalaxes e aterraxes curtas (STOL), e unha construción bastante robusta. O seu primeiro voo foi o 24 de xuño de 1960 e a serie 1 HS 748 entrou en servizo no ano seguinte.
Unha vez en servizo, o HS 748 atopou un nicho no mercado de curta distancia. Desenvolvéronse varios modelos distintos do avión rexional, e entre as típicas melloras estiveron a adopción demotores Dart máis potentes e o aumento do peso bruto. A variante máis distintiva foi quizais o HS 780 Andover, un transporte militar desenvolvido para a Royal Air Force (RAF) cunha gran rampla de carga traseira e un tren de aterraxe principal máis baixo para axudar a cargar obxectos voluminosos. En 1988, o ano no que deixou de fabricarse, producíranse 380 unidades entre Hawker Siddeley (a propietaria de Avro) e a compañía india Hindustan Aeronautics Limited (HAL). Durante os anos 90 desenvolveuse unha variante máis grande do, o BAe ATP, como un intento de competir cos íderes do seu mercado, o de Havilland Canada Dash 8 e o ATR 42, pero tivo unha vendas moi limitadas fabricándose só un feixe de unidades.