Heterostilia

Flor con estilo longo
Flor con estilo curto
Disección de flores de estilo longo (A) e curto (B):
1. Corola (pétalos)
2. Cáliz (sépalos)
3. Estame
4. Pistilo

A heterostilia é unha forma especial de polimorfismo e hercogamia en flores. Nunha especie con heterostilia existen na poboación dous ou tres tipos morfolóxicos de flores, denominados "morfos". En cada planta individual, todas as flores son do mesmo morfo. Os morfos de flores difiren na lonxitude do pistilo e estames, e estes caracteres non son continuos. O morfo fenotípico está xeneticamente determinado por xenes que controlan un sistema único de autoincompatibilidade, denominada autoincompatibilidade heteromórfica, que consiste en que o pole dunha flor dun morfo non pode fecundar outra flor do mesmo morfo.

As plantas heterostilas que teñen dous morfos de flores denomínanse "distilas". Nun morfo (denominado flor "pin", "longuistila" ou "de estilo longo") os estames son curtos e os pistilos longos; no segundo morfo (denominado flor "thrum", "brevistila" ou "de estilo curto") os estames son longos e os pistilos curtos; a lonxitude do pistilo nun morfo é de igual lonxitude que os estames do segundo morfo e viceversa.[1][2] Exemplos de plantas distilas son Primula vulgaris e moitas outras especies de Primula,[1][2] trigo mouro, liño e outras especies de Linum, algunhas especies de Lythrum,[3] e moitas especies de Cryptantha.[4]

As plantas heterostilas que teñen tres morfos de flores chámanse "tristilas". Cada morfo ten dous tipos de estames. Nun morfo o pistilo é curto e os estames longos e intermedios; no segundo morfo, o pistilo é intermedio, e os estames son curtos e longos; no terceiro morfo, o pistilo é longo e os estames curtos ou intermedios. Son trimórficas plantas como Oxalis pes-caprae, Lythrum salicaria e algunhas outras especies de Lythrum.[3]

A lonxitude dos estames e pistilos en flores heterostilas está adaptada para a polinización por diferentes polinizadores, ou diferentes partes do corpo do mesmo polinizador. Así, o pole orixinado nun estame longo chegará principalmente aos pistilos longos antes que aos curtos, e viceversa.[1][2] Cando o pole é transferido entre dúas flores do mesmo morfo, non se produce fecundación debido ao mecanismo de autoincompatibilidade, a menos que tal mecanismo falle por factores ambientais, como a idade da flor ou a temperatura.[5]

  1. 1,0 1,1 1,2 Charles Darwin (1862). "On the two forms, or dimorphic condition, in the species of Primula, and on their remarkable sexual relations". Journal of the Proceedings of the Linnaean Society (Botany) 6 (22): 77–96. doi:10.1111/j.1095-8312.1862.tb01218.x. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Charles Darwin (1877). The Different Forms of Flowers on Plants of the Same Species. Londres: Murray. 
  3. 3,0 3,1 P. H. Barrett, ed. (1977). The collected papers of Charles Darwin. Chicago University Press. 
  4. Arthur Cronquist; Arthur H. Holmgren; Noel H. Holmgren; James L. Reveal; Patricia K. Holmgren (1984). Subclass Asteridae (except Asteraceae). Intermountain Flora; Vascular Plants of the Intermountain West, U.S.A. 4. The New York Botanical Garden. p. 224. ISBN 0-89327-248-5. 
  5. Franklin-Tong, Vernonica E. (2008). Self-Incompatibility in Flowering Plants Evolution, Diversity, and Mechanisms. ISBN 978-3-540-68485-5. doi:10.1007/978-3-540-68486-2. hdl:1893/1157. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne