Hypoxia | |
---|---|
Clasificación e recursos externos | |
Cianose da man nunha persoa con baixa saturación de oxíxeno | |
ICD-10 | J96 |
ICD-9 | 799.02 |
DiseasesDB | 6623 |
![]() Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
A hipoxia é unha condición na cal o corpo ou unha rexión del queda privada dunha subministración suficiente de oxíxeno a nivel dos tecidos. A hipoxia pode clasificarse como xeneralizada, se afecta a todo o corpo, ou local, se afecta só a unha rexión do corpo. Aínda que a hipoxia adoita ser unha condición patolóxica, as variacións nas concentracións de oxíxeno nas arterias poden ser parte da fisioloxía normal; por exemplo, durante o adestramento de hipoventilación[1] ou un exercicio físico extenuante.
A hipoxia é diferente da hipoxemia e anoxemia, xa que a hipoxia é o estado no cal a subministración de oxíxeno é insuficiente nun tecido (ou no corpo), mentres que a hipoxemia e a anoxemia refírense especificamente a estados nos que hai unha subministración de oxíxeno arterial baixa ou cero.[2] Por tanto, hipoxemia refírese a que hai un nivel baixo de oxíxeno no sangue arterial (de aí a terminación emia, de hema=sangue), mentres que hipoxia é un termo máis xeral que significa que hai un contido baixo en oxíxeno en calquera tecido ou órgano ou no corpo enteiro.[3] A hipoxemia pode causar hipoxia (hipoxia hipoxémica), pero a hipoxia pode orixinarse por outros mecanismos tamén, como a anemia.[4] A hipoxia na que hai unha completa deprivación de oxíxeno denomínase anoxia.
A hipoxia xeneralizada dáse en persoas sas cando ascenden a elevadas altitudes sobre o nivel do mar, o que lles causa mal de altura que pode orixinar complicacións letais: edema pulmonar de grande altitude e edema cerebral de grande altitude.[5] A hipoxia en individuos sans tamén se dá cando se respira unha mestura de gases cun baixo contido de oxíxeno, por exemplo cando os mergulladores nadan baixo a auga, especialmente se usan sistemas de circuíto pechado de reciclaxe respiratoria, que controlan a cantidade de oxíxeno no aire subministrado. Utilízase intencionadamente unha hipoxia intermitente suave e non nociva durante os adestramentos en altitude para desenvolver unha adaptación ás prestacións atléticas tanto a nivel celular coma sistémico.[6]
A hipoxia é tamén unha grave consecuencia dun parto prematuro nos neonatos. A principal causa disto é que os pulmóns do feto humano son uns dos últimos órganos que se desenvolven durante o embarazo. Para axudar os pulmóns a distribuír o sangue oxixenado polo corpo, os meniños con risco de hipoxia son a miúdo situados nunha incubadora, onde se lles proporciona oxíxeno por cánulas de alto fluxo cunha presión de aire positiva continua (tamén chamado berce húmido).[7]