Hispania romana

Cabeza dunha antiga estatua romana de bronce, que á súa vez era parte dun grupo escultórico. Foi achada no templo romano do sitio arqueolóxico de Cabezo de Alcalá, en Azaila (Provincia de Teruel, Aragón, España). É unha representación dun mozo nobre local, datada no primeiro terzo do século I a. C. (Idade de Ferro II).

Coñécese como Hispania romana aos territorios da Península Ibérica durante o período histórico de dominación romana.[1] Este período considérase entre 218 a. C. (data do desembarco romano en Empúries) e os inicios do século V (cando chegan á península as invasións bárbaras, substituíndo a autoridade de Roma). Ao longo deste extenso período de sete séculos, tanto a poboación coma a organización política do territorio hispánico sufriron profundos e irreversibles cambios, e quedaron marcados para sempre coa inconfundible pegada da cultura e os costumes romanos.

De feito, tralo período de conquistas, Hispania converteuse nunha parte fundamental do Imperio romano, proporcionándolle a este un enorme caudal de recursos materiais e humanos, e sendo durante séculos unha das partes máis estables do mundo romano e berce dalgúns gobernantes do imperio.

O proceso de asimilación do modo de vida romano e a súa cultura polos pobos sometidos coñécese como romanización. O elemento humano foi o seu máis activo factor, e o exército o principal axente integrador.

A sociedade hispana organizouse como a do resto do Imperio romano en homes (libres e escravos) e mulleres. Os homes libres podían participar no goberno, votar nas eleccións e ser propietarios de terras. Os escravos, en cambio, non tiñan ningún dereito e eran propiedade dalgún home libre. As mulleres podían ser libres ou escravas, pero non tiñan os mesmos dereitos que os homes.

  1. Apiano, Iberia, paragraphe 102.

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne