Non debe considerarse casualidade que O Cairo apareza ao carón dun dos conxuntos urbanos e monumentais máis memorables de tódalas épocas: as ruínas de Menfis, a primeira capital dun Exipto unificado dende o 3150 a.C., e que foi ao longo dos séculos e as primeiras dinastías a necrópole de faraóns e altos dignitarios, unha longa franxa de terra entre o Nilo e o deserto, dende as aforas de Menfis ata culminar en Giza coas tres grandes pirámides. Saqqara, Meidun, Dashur, Abusir son nomes que xalonan a ruta funeraria e a historia do comezo dunha civilización.
E non é casual que O Cairo se asente alí, inda que na outra beira, a oriental, do gran río, porque o lugar foi sempre o punto xeoestratéxico de control da rexión, do país, do imperio unificado: o ápice no que o val que serpea dende un remoto sur se abre nun dos deltas máis feraces da terra. Dous mundos, o Alto e o Baixo Exipto, que alí se atopan e que na súa xuntanza, adquiriron unha forza nunca vista.