A historia do xornalismo é o desenvolvemento, ó longo da historia, do xornalismo, entendido como unha actividade regular e continuada de recollida, elaboración e difusión de novas sobre os principais acontecementos que pasan no mundo, que levan a termo os xornalistas.[2] A tendencia foi a do incremento do número de novas ó alcance dos cidadáns e da velocidade de transmisión. Dende finais do século XVII os xornais foron o principal medio de difusión da actividade dos xornalistas, ós cales se van engadir no século XVIII as revistas, no século XX a radio e a televisión, e no século XXI Internet.[3]
A historia do xornalismo pódese separar en catro etapas; o antigo ou artesán (1609–1789), o moderno ou liberal (1789 – derradeiro cuarto do século XIX), o contemporáneo ou industrial (derradeiro cuarto do século XIX – derradeiro cuarto do século XX) e o que comeza co xurdimento de Internet, en 1994.[4] Italia, Alemaña, Francia, Inglaterra, España e os Estados Unidos son, por esta orde, os países claves na aproximación académica da historia do xornalismo.[5]