Historia de Galicia

Historia de Galicia

Mapa do Reino de Galicia de c. 1603
Historia de Galicia Galicia
Cronoloxía Cronoloxía de Galicia
Categoría Historia de Galicia
Prehistoria
Prehistoria de Galicia
Idade Antiga
Historia antiga de Galicia
Idade Media
Historia medieval de Galicia
Idade Moderna
Historia moderna de Galicia
Idade Contemporánea
Historia contemporánea de Galicia
Relacionados
Historia Historia da lingua galega
Historia de España
Historia de Portugal
Artigos Pobo galego
Reino de Galicia
Historiografía do Reino de Galicia

A historia de Galiza abrangue a historia de Galiza e dos seus estados predecesores. Comeza arredor do 19 a. C., cando o Imperio Romano logra anexionar definitivamente os pobos galaicoskallaikoi segundo o autor grego Estrabón— unificándoos por vez primeira na historia e denominando ó seu territorio como Gallaecia —terra dos callaeci—, e que acabaría derivando nos actuais nomes Galicia ou Galiza, motivo polo que é considerada como unha das entidades político-administrativas máis antigas de toda Europa.

O feito de que no ano 298 d. C. o emperador Diocleciano decidise elevala ao rango de provincia consular —ampliando así tamén o seu territorio— supuxo un acrecentamento da súa cohesión política, pois desta maneira pasaba a estar baixo o goberno dun cónsul romano. A súa definitiva consolidación estatal chegaría no ano 409, cando o rei suevo Hermerico funda nela o primeiro Reino de Galiza, afianzando a existencia de Galiza ata os nosos días.

A ocupación humana do territorio correspondente á actual Galiza, non obstante, é moito máis antiga cá chegada de Roma, existindo testemuños arqueolóxicos que certifican o seu poboamento desde o Paleolítico inferior. Estas poboacións recibiron diversas achegas culturais durante milenios, formando parte xa na Idade de Bronce da área cultural atlántica que se deu entre as terras máis occidentais de Europa. A finais da Idade de Ferro estas poboacións autóctonas formaban unha unidade cultural, coñecida como cultura castrexa, que os romanos denominaron como galaicos e que supoñen o principal substrato da poboación actual en Galicia.

Do mesmo xeito, durante os séculos seguintes Galiza recibiu sucesivos asentamentos de xente, entre os que destacan romanos, suevos e britanos, que non só se integraron na poboación autóctona senón que tamén influíron decisivamente na súa vida, como foi o caso da cultura romana que propiciou a formación dunha nova lingua autóctona, o galego. Ata o ano 1833 mantívose coma un reino, no ano 1933 recibe o recoñecemento internacional da súa realidade nacional[1] e desde 1981 organízase xurídica e administrativamente como unha comunidade autónoma dentro do Estado español.

  1. Ríos, Xulio (2010). Galicia e a sociedade das nacións. Galaxia. ISBN 978-84-7154-839-9. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne