Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde febreiro de 2014.) |
A Rexión Administrativa Especial de Hong Kong da República Popular da China, en chinés 中華人民共和國香港特別行政區 (axuda · info) é unha rexión chinesa formada por unha península e varias illas, entre elas a illa de Hong Kong, no Mar da China Meridional, no delta do Río das Perlas, xunto á provincia de Guangdong. Ata 1997 foi colonia do Reino Unido.
O nome da illa de Hong Kong (chinés: 香港), significa literalmente "porto fragrante" ou "porto do recendo". A transcrición "Hong Kong" está baseada no topónimo orixinal cantonés, Hēunggóng mentres en pinyin é Xiānggǎng.
Hong Kong é unha das dúas "rexións administrativas especiais" da China. A outra é a antiga colonia portuguesa de Macau. Nestas dúas rexións administrativas especiais aplícase o modelo administrativo coñecido como un país, dous sistemas (一國兩制, yì guó liang zhì). Este sistema, cuxo ideólogo foi Deng Xiaoping, que pretendía que se aplicase a unha eventual reunificación con Taiwán, consiste no mantemento dun sistema económico capitalista baixo a soberanía dun país de ideoloxía oficial comunista. Ademais do sistema económico, estas dúas rexións manteñen un sistema administrativo e xudicial independente, e ata o seu propio sistema de aduanas e fronteiras externas.