A Idade dos Metais[1] é unha das dúas grandes etapas tecnolóxicas nas que tradicionalmente se subdividiu a Prehistoria eurasiática. Por definición, é o período que seguiu á Idade de Pedra e durante o cal o home comezou a fabricar obxectos de metal[2] fundido. A existencia de procesos metalúrxicos é indispensable para establecer a adscrición dunha cultura arqueolóxica a esta etapa, xa que os metais nativos eran traballados por marteleado dende as fases iniciais do Neolítico.[3] Seguindo este criterio, a Idade dos Metais comezaría coas primeiras evidencias de fundición do cobre, que son do VI milenio a. C. (na Anatolia e os montes Zagros) e acabaría coa progresiva entrada na Historia de cada rexión (en Europa isto produciuse durante o I milenio a. C.). En Mesopotamia e Exipto coincide xa co desenvolvemento da escritura e polo tanto a metalurxia alí é plenamente histórica.[4][5]
Os primeiros indicios de metalurxia en Europa proceden da área dos Balcáns, a mediados do V milenio a.C. e son de orixe autóctona. Para o resto do continente as evidencias aparecen durante a segunda metade do IV milenio a.C., aínda que a súa xeneralización e o consecuente abandono da pedra como elemento básico para a fabricación de artefactos só se produciu coa chegada do ferro. Aínda que no Exipto faraónico, pola escaseza de materia prima, esta substitución nunca se produciu.[3]
Dado que non existen rupturas no desenvolvemento das tecnoloxías metalúrxicas entre a Prehistoria, a Protohistoria e a Historia, neste artigo inclúense procesos que se deron en períodos claramente históricos.