A Idade de Bronce[1] (c. 3300 – c. 1200 a.C.) foi un período histórico caracterizado principalmente polo uso de ferramentas de bronce e o desenvolvemento de sociedades urbanas complexas, así como pola adopción da escritura nalgunhas zonas. A Idade do Bronce é o período medio principal do sistema das tres idades, que segue á Idade de Pedra e precede á Idade de Ferro.[2] Concibida como unha era global, a Idade do Bronce segue ao Neolítico, cun período de transición entre ambos os coñecido como Calcolítico. As últimas décadas da Idade do Bronce na conca mediterránea adoitan caracterizarse como un período de colapso social xeneralizado, coñecido como Colapso da Idade do Bronce Final (c. 1200 – c. 1150 a.C), aínda que a súa gravidade e alcance é obxecto de debate entre os estudosos.
Considérase que unha civilización antiga forma parte da Idade do Bronce se producía bronce fundindo o seu propio cobre e o aleandaba con estaño, arsénico ou outros metais, ou si intercambiaba outros obxectos por bronce procedente de zonas produtoras doutros lugares. As culturas da Idade do Bronce foron as primeiras en desenvolver a escritura. Segundo as evidencias arqueolóxicas, as culturas de Mesopotamia, que utilizaban a escritura cuneiforme, e Exipto, que utilizaba xeroglíficos, desenvolveron os primeiros sistemas prácticos de escritura.
O termo, que acuñou en 1820 o arqueólogo danés Christian Jürgensen Thomsen para clasificar en tres idades as coleccións da Comisión Real para a Conservación das Antigüidades de Copenhague, , abarca un período entre aproximadamente o 3300 e o 1200 a. C., pero esta cronoloxía só ten valor no Próximo Oriente e Europa, posto que á metalurxia chegouse a través de procesos distintos nas diferentes rexións do mundo. O seu estudo divídese en Bronce Antigo, Bronce Medio e Bronce Final. Aínda que, xeralmente, ao bronce adoita precederlle unha Idade do Cobre e seguirlle unha Idade de Ferro, isto non sempre foi así: na África subsahariana, por exemplo, desenvolveuse a metalurxia do ferro sen pasar polas do cobre e bronce.[3]
A tecnoloxía relacionada co bronce foi desenvolvida no Próximo Oriente a finais do IV milenio a. C.,[4] datándose en Asia Menor antes do 3000 a. C.; na antiga Grecia comezouse a utilizar a mediados do III milenio a. C.; na Asia Central o bronce coñecíase ao redor do 2000 a. C., en Afganistán, Turkmenistán e Irán, aínda que na China non comezou a usarse até 1800 a. C., adoptándoo a dinastía Shang.
A data de adopción do bronce varía segundo as culturas: