O ien (円, えん, en Rōmaji Yen, ¥, pronúnciase como "en") é a moeda ou divisa oficial do Xapón. Foi creada en novembro de 1870, ao comezo da Era Meiji, para substituír o sistema monetario Tokugawa, baseado no ryō (両). O símbolo gráfico latinizado do ien é ¥ ; mais en xaponés escríbese 円, unha forma simplificada da antiga grafía 圓. O código ISO 4217 do ien é JPY. O ien foi legalmente definido como 26,956 gramos de prata, unha definición que aínda está en vigor na actualidade.
En xaponés, «ien» (円) é apenas «en», pronunciado [ɛn]. A pronuncia "ien"/"yen", corrente en moitas linguas, provén da romanización da antiga escrita sino-xaponesa, que non tiña en conta a evolución da pronunciación. En xaponés, «en» significa «redondo» ou «círculo» — como en chinés yuan ou en coreano won, que teñen o mesmo étimo.
O ien tiña unhas subdivisións, o sen, ben coñecido dos crucigramistas; e o rin (1/1000 de ien). Porén ambas deixaron de utilizarse desde 1954.
Circulan moedas de 1, 5, 10, 50, 100 e 500 iens e billetes de 1.000, 2.000, 5.000 e 10.000 iens.