Inconsciente

Na linguaxe corrente, o termo inconsciente utilízase como substantivo para designar o conxunto dos procesos mentais que non necesitan depender dunha prioridade, pois ou ben non son relevantes para a tarefa que se está desenvolvendo ou porque xa teñen un camiño establecido que atende a eses eventos de forma automática, polo que non son pensados conscientemente. Tamén se pode empregar como adxectivo, cunha connotación pexorativa, para falar dun individuo irresponsable ou tolo, incapaz de dar razón dos seus feitos e xestos.

Empregado por primeira vez como termo técnico en lingua inglesa en 1751 (coa significación de non consciente) polo xurista escocés Henry Lord Kames (1696-1782), o termo inconsciente popularizouse máis tarde en Alemaña, na época romántica, (por exemplo, nun poema de Goethe "Á lúa" (1777) empregándose por primeira vez o termo en alemán: "unbewusst") designando un depósito de imaxes mentais, unha fonte de paixóns cuxo contido escapaba á consciencia.

Na psicanálise, o inconsciente é o concepto chave da teoría, posto que constitúe o seu principal obxecto de estudo, e designa no sentido tópico un sistema e un lugar psíquico descoñecido para a conciencia ("a outra escena") e no sentido dinámico ao conxunto dos contidos reprimidos que son mantidos á marxe, apartados da conciencia, aínda cando eles amosen unha permanente efectividade psíquica e intensa actividade a través de mecanismos e formacións específicas.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne