Independentismo galego

Castelao foi un dos principais defensores do dereito de autodeterminación de Galiza no século XX.

O independentismo galego é un movemento político e social dentro do nacionalismo galego que avoga pola independencia política de Galiza respecto de España, e a súa conversión nun estado independente e soberano, así como a anexión daqueles territorios galegofalantes baixo a administración de Castela e León e Asturias,[1] a coñecida como Galiza estremeira (As Portelas, O Bierzo e Terra Eo-Navia).[2][3][4]

Os comezos do separatismo popular en Galiza poden remontarse aos anos 20 e 30 do século XX, case un século despois da disolución do Reino de Galiza no ano 1833, momento no que se produciu un forte proceso de centralismo español[5] no cal Galiza perdeu todas as atribucións políticas, económicas, militares e diplomáticas, e España iniciou unha burocracia centralizada e a procura da homoxeneización xurídica, lingüística e cultural. Unha das primeiras organizacións independentistas galegas foi o Comité Revoluzonareo Arredista Galego, fundado por Fuco Gómez en Cuba no ano 1921. No ano 1931, Antón Alonso Ríos proclamou a República Galega como unha reacción ao malestar xerado polo caciquismo e mais pola paralización das obras do ferrocarril. A proclama quedou sen efectos reais e só durou unhas horas xa que o goberno central da Segunda República Española retomou a obra do ferrocarril, evitando que a insurrección se expandise.[6] Logo da guerra civil española, a ditadura de Francisco Franco acabou cos movementos autonomistas, galeguistas e de esquerdas galegos. Trala morte de Franco en 1975, os partidos políticos galegos e o nacionalismo galego maioritario concentráronse en recuperar a autonomía máis que na independencia.

No Parlamento de Galiza non existen partidos que apoien explicitamente a independencia, aínda que dentro do Bloque Nacionalista Galego existen partidarios desta opción,[7] e a súa organización xuvenil, Galiza Nova, é independentista.[8] Entre as organizacións independentistas máis destacadas están Causa Galiza[9] e a Frente Popular Galega,[10] logo da disolución de Nós-Unidade Popular.[11]

  1. Galicia Hoxe, ed. (20 de outubro de 2006). "A Galiza irredenta tambén existe!". Arquivado dende o orixinal o 02 de setembro de 2007. Consultado o 22/06/2010. 
  2. "El movimiento ciudadano A Quinta presenta un manifiesto para convertir El Bierzo en provincia e integrarla en Galicia" (en Spanish). Consultado o 2020-10-15. 
  3. Diario, Nós. "Recollida de sinaturas no Bierzo por unha modificación do estatuto galego que permita a súa integración na Galiza". Nós Diario. Consultado o 2020-12-19. 
  4. Diario, Nós. "A reivindicación dun Bierzo integrado na Galiza chega ao Parlamento galego". Nós Diario. Consultado o 2021-01-30. 
  5. Moreno, Luis (1997). La federalización de España: poder político y territorio. Siglo XXI de España Editores (en castelán). p. 58. ISBN 978-84-323-0946-5. 
  6. Lo que no te contaron en clase: I República Galega (en castelán)
  7. elsaltodiario.com, ed. (22 de xullo de 2020). "“Galicia es una colonia, desde el punto de vista psicológico pero también económico”. Entrevista a Rubén Cela por Albert Botran". Consultado o 9 de xuño de 2021. 
  8. "A Historia do BNG". arquivo.bng-galiza.org. Arquivado dende o orixinal o 02-03-2014. Consultado o 08-03-2016. 
  9. País, El (2016-01-24). "Protesta apoyada por Anova y BNG contra la ilegalización de Causa Galiza". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2020-07-20. 
  10. "A Frente Popular Galega.". Arquivado dende o orixinal o 10 de outubro de 2008. Consultado o 09 de outubro de 2008. 
  11. A, D (25 de xuño de 2015). "Nós-UP anuncia a súa disolución". Sermos Galiza. Arquivado dende o orixinal o 26 de xuño de 2015. Consultado o 25 de xuño de 2015. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne