A inmortalidade é a vida eterna ou a habilidade de vivir para sempre.[2] As formas biolóxicas teñen limitacións inherentes que as intervencións médicas non poden superar. A selección natural desenvolveu a inmortalidade biolóxica só nunha especie, a medusa Turritopsis dohrnii.[3]
Certos científicos, futuroloxistas e filósofos teorizaron sobre a inmortalidade do corpo humano, e defenderon que a inmortalidade do ser humano podería ser un obxectivo acadable nas primeiras décadas do século XXI, mentres que outros apostan pola prolonga da vida como un obxectivo máis probable a curto prazo. Aubrey de Grey, un investigador que desenvolveu unha serie de estratexias biomédicas de rexuvenecemento, cre que o seu plan para reverter o proceso de envellecemento pode ser implementado en dúas ou tres décadas.[4]
A crenza da inmortalidade da vida humana a través da alma é un tema recorrente na relixión, así como obxecto de especulación, fantasía e debate. En contextos relixiosos, a inmortalidade é un dos dons que Deus (ou outras deidades) conceden ós humanos que amosan bondade ou respectan a lei divina.