Un inmunoensaio é unha proba bioquímica que mide a presenza ou concentración dunha macromolécula ou unha pequena molécula nunha solución por medio do uso dun anticorpo (o máis habitual) ou un antíxeno. A molécula detectada polo inmunoensaio adoita denominarse "analito" e trátase en moitos casos dunha proteína, aínda que poden ser outro tipo de moléculas, de distintos tamaños e tipos, con tal de que se desenvolvan os anticorpos apropiados que teñen as propiedades axeitadas para o ensaio. Os analitos en líquidos biolóxicos como o soro sanguíneo ou urina mídense fecuentemente usando inmunoensaios para propósitos de investigación e médicos.[1]
Os inmunoensaios poden ter diferentes formatos e variantes. Os inmunoensaios poden ser realizados en múltiples pasos con reactivos que se engaden e retiran por lavado ou que se separan en diferentes momentos do ensaio. Os ensaios multipasos chámanse a miúdo inmunoensaios de separación ou inmunoensaios heteroxéneos. Algúns inmunoensaios poden ser levados a cabo simplemente mesturando os reactivos coa mostra e facendo unha medición física. Ditos ensaios son denominados inmunoensaios homoxéneos, ou menos frecuentemente inmunoensaios de non separación.
Nos inmunoensaios adoita utilizarse un calibrador. Os calibradores son solucións que se sabe que conteñen o analito en cuestión, e a concentración dese analito xeralmente é coñecida. A comparación da resposta a un ensaio para unha mostra real coa resposta ao ensaio producida polos calibradores fai posible interpretar a intensidade do sinal en canto á presenza ou concentración de analito na mostra.