A inmunoglobulina A (IgA) é un tipo de anticorpo que exerce un papel fundamental na inmunidade das mucosas. Nas mucosas prodúcese máis cantidade de IgA ca de todos os outros tipos xuntos de anticorpos,[1] e segréganse entre 3 e 5 gramos ao lume intestinal cada día.[2] Isto fai que supoña o 75% do total de inmunoglobulina producida (pero non da concentración sérica, xa que se perde moita) no corpo.[3]
A IgA ten dúas subclases (IgA1 e IgA2) e pode existir nunha forma dimérica chamada IgA secretora (sIgA). Na súa forma secretora a IgA é a principal inmunoglobulina atopada nas secrecións mucosas, como as bágoas, saliva, costro e secrecións do tracto xenitourinario, tracto gastrointestinal, próstata e epitelio respiratorio. Tamén se encontra en pequenas cantidades no sangue. O compoñente secretor da sIgA protexe a inmunoglobulina da degradación proteolítica encimática, polo que a sIgA pode sobrevivir nas duras condicións do tracto gastrointestinal e proporciona protección contra os microbios que se multiplican nas secrecións corporais.[4] A sIgA pode tamén inhibir os efectos inflamatorios doutras inmunoglobulinas.[5] A IgA apenas activa o sistema do complemento, e a súa capacidade de opsonización é feble. Caracterízase por ter unha cadea pesada de tipo α.