Unha interneurona (tamén chamada neurona de asociación, neurona conectora ou neurona de circuíto local) é un dos tres tipos en que se clasifican as neuronas do corpo humano. As interneuronas crean circuítos neurais, que permiten a comunicación entre as neuronas sensoriais ou as motoras e o sistema nervioso central (SNC). Funcionan nos reflexos, oscilacións neuronais,[1] e a neuroxénese no cerebro dos mamíferos adultos. As interneuronas poden subdividirse en dous grupos: interneuronas locais e interneuronas de relevo.[2] As interneuronas locais teñen axóns curtos e forman circuítos con neuronas próximas para analizar pequenas cantidades de información.[3] As interneuronas de relevo teñen axóns longos e conectan circuítos de neuronas situadas nunha rexión do cerebro con outras situadas noutras rexións.[3] A interacción entre as interneuronas permite que o cerebro realice complexas funcións como a aprendizaxe ou a toma de decisións.