Intolerancia

A intolerancia pode definirse como a falta da habilidade ou da vontade de tolerar algo. Nun sentido social ou político, é a ausencia de tolerancia dos puntos de vista doutras persoas.

A intolerancia resulta ser calquera actitude irrespectuosa cara ás opinións ou características diferentes das propias. No plano das ideas, por exemplo, caracterízase pola perseveranza na propia opinión, a pesar das razóns que se poidan esgrimir contra ela. Supón, por tanto, certa dureza e rixidez no mantemento das propias ideas ou características, que se teñen como absolutas e inquebrantábeis [1].

Ten por consecuencia a discriminación dirixida aos grupos ou persoas (que pode chegar á segregación ou á agresión) polo feito de que estes pensen, actúen ou simplemente sexan de maneira diferente. As múltiples manifestacións deste fenómeno posúen en común a elevación como valor supremo da propia identidade, xa sexa étnica, sexual, ideolóxica ou relixiosa, desde a cal se xustifica o exercicio da marxinación cara ao outro diferente. O intolerante considera que ser diferente equivale a non ser iguais en canto a dereitos.

Poderiamos distinguir tamén unha dobre vertente na intolerancia. Por un lado estarían os grandes casos da historia, máis ou menos coñecidos por todos. Pero tamén é un fenómeno sutil que pode identificarse continuamente en calquera contorno. A intolerancia, pois, tería unha segunda vertente máis próxima, a cal se atopa presente na vida cotiá.

A intransixencia para cos demais, para cos diferentes escolle distintos obxectos. En calquera caso, sempre supón unha diferenza respecto ao considerado normal ou correcto polos que xulgan. É a diferenza no próximo, xa se basee esta en características de xénero, culturais, ideolóxicas ou relixiosas, contra o que arremete o intolerante. Formas comúns de intolerancia son o racismo, o sexismo, a homofobia, a intolerancia relixiosa e a intolerancia política.

  1. FERRATER MORA,José. Diccionario de filosofía, Ariel, Barcelona, 1980, páx. 3267

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne