Judo | |
---|---|
![]() | |
![]() Judokas | |
Información xeral | |
Práctica | Deporte de loita |
Lugar de orixe | ![]() |
Creador | Jigoro Kano |
Nome do practicante | Judoka |
Grafia | |
Nome nativo | 柔道 |
Tradución | Camiño suave |
Nome en galego | Judo |
O judo[1] (en xaponés: 柔道) é unha arte marcial, un deporte e unha filosofía con orixe no Xapón. O judo foi creado a partir dalgunhas escolas clásicas de jujutsu por Jigoro Kano (嘉納治五郎) en 1882. O termo xaponés pode ser traducido como "Camiño da flexibilidade", influíndo no desenvolvemento físico, mental e emocional a través da práctica.
A pesar de ser unha arte marcial completa, o judo tamén se practica como deporte oficial dos Xogos Olímpicos[2] dende 1964 na competición masculina e dende 1992 na feminina. No Occidente, o aspecto deportivo do judo é probabelmente o máis difundido.[3]
Na forma deportiva, homes e mulleres combaten separadamente (a pesar de moitas veces adestraren xuntos), e os atletas son divididos por clases de idade e categoría de peso, incluíndo unha clase libre na que poden participar todos os pesos.
O judo é practicado sobre esteiras especiais chamadas tatamis que poden ser de palla de arroz cuberta por lona de algodón ou sintéticas fabricadas a partir de polímeros de caucho. Os practicantes, chamados judokas,[4] visten un equipamento de algodón branco, composto por unha chaqueta, un pantalón e un cinto. A cor do cinto indica a graduación do judoka.
Nunha competición de judo, dous judokas enfróntanse sobre a esteira mentres un árbitro os avalía, e os puntos e as penalizacións dos atletas son rexistrados nun panel. O ippon é o "K.O." do judo. Un golpe bo, máis ou menos perfecto, chámase waza-ari e vale medio punto. Dous garanten unha vitoria. A loita pode ser decidida pola acumulación de puntos menores, coma o yuko ou o koka. Calquera falta (keikoku e shido) cometida por un dos loitadores durante un combate (shiai) aumenta a puntuación do opoñente. Se a falta for grave, coma o hansoku-make, o árbitro declara a vitoria do ofendido.