Este artigo trata sobre a froita, para máis información sobre a planta véxase: kiwi (planta).
O kiwi é a froita da planta do mesmo nome (Actinidia deliciosa) que medra en climas temperados. Debe o seu nome a unha remota similitude de aspecto entre o froito de orixe chinesa e a ave neozelandesa chamada kiwi. O froito cuberto de micropelos pode evocar a curiosa e típica plumaxe desta ave.
Cómpre salientar que o cultivo do kiwi aclimatouse moi ben en Galiza e é unha froita que raramente precisa de produtos contra pragas ou fitosanitarios, polo que pode cultivarse de maneira ecolóxica facilmente (para cultivo véxase artigo kiwi (planta)).
Clasifícase botanicamente coma unha baga oval duns 6,25 cm de longo, coa pela magra de cor verde acastañada e densamente cuberta duns peliños rexos e curtos de cor marrón. A polpa, firme até madurar completamente, é normalmente de cor verde brillante zumarenta e con diminutas sementes negras dispostas arredor dunha cor abrancazada. Tamén hai variedades de kiwi coa polpa de cor alaranxada.
Ten un sabor subacedo a bastante acedo, semellante ao da grosella ou do amorodo.
Adoita ser un alérxeno frecuente, especialmente a pela.
A maduración da froita en Galiza dáse a principios de abril.