Krazy Kat

Krazy Kat
Linguainglés
Xénero(s)Banda deseñada
FormatoTira de prensa con compilacións posteriores en volumes.
Na rede
editar datos en Wikidata ]

Krazy Kat é unha tira de prensa creada por George Herriman que apareceu nos diarios estadounidenses entre 1913 e 1944. Publicouse por primeira vez no New York Evening Journal de William Randolph Hearst. Ambientada nunha escena idealizada do lugar de vacacións de Herrmiman no condado de Coconino, Arizona, Krazy Kat é unha mestura de surrealismo, brincadeira inocente e linguaxe poética que fixo que estes cómics se convertesen nun dos favoritos dos fans ao longo das décadas.

O argumento céntrase nas relacións entre tres personaxes: Krazy, un gato inocente de sexo indefinido, o antagonista e amor non correspondido, o rato Ignatz Mouse, e Officer Bull Pupp, un bulldog policía, inimigo de Ignatz e namorado en segredo de Krazy Kat. Todas as historias son autoconclusivas. Unha boa parte das tiras segue un esquema similar: Ignatz lanza un lladrillo a Krazy Kat, por razóns descoñecidas, o que el/ela interpreta como unha proba de amor; logo aparece Officer Pupp, administrador da lei no Condado, e cunha misión persoal que pon fin aos plans de Ignatz, que acaba sempre no cárcere. Neste esquema sinxelo hai toda unha serie de variacións.

A pesar da sinxeleza das pallasadas da trama xeral, foi a caracterización detallada dos personaxes, xunto coa creatividade verbal e visual de Herriman, o que fixo que Krazy Kat fose un dos primeiros cómics louvados por intelectuais e considerados como unha arte seria. Gilbert Seldes, un crítico moi apreciado da época, escribiu un longo eloxio da tira en 1924, calificándoa como "a obra de arte máis deliciosa, fantástica e satisfactoria producida na actualidade en América". O famoso poeta E. E. Cummings, outro admirador, escribiu a introdución da primeira colección en formato libro. En tempos recentes, algúns debuxantes modernos citaron a Krazy Kat como unha grande influencia.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne