A lanzadeira do malato-aspartato, moitas veces abreviada como lanzadeira do malato, é un conxunto de reaccións que transporta os equivalentes de redución (dos coencimas reducidos NADH) producidos no citosol durante a glicólise ao interior da mitocondria, onde poden participar na fosforilación oxidativa nos eucariotas. Esta lanzadeira funciona esencialmente no fígado, ril e corazón.
Os produtos citosólicos poden atravesar facilmente a membrana mitocondrial externa e pasar ao espazo intermembranoso da mitocondria. Polo contrario, a membrana mitocondrial interna é impermeable ao NADH, polo que este non pode entrar directamente na mitocondria. O sistema da lanzadeira do malato en realidade non introduce o NADH a través da membrana, senón que transporta os seus electróns e os pasa a outras moléculas, que pasan ao interior da mitocondria, onde se rexenera o NADH. Estes electróns van ser cedidos despois polo NADH da matriz mitocondrial ao primeiro transportador da cadea de transporte electrónico, o que orixinará a formación dunhas 3 moléculas de ATP por cada NADH [1] (para algúns o rendemento é menor). A glicosa pode contribuír por esta vía á formación de ATP na mitocondria (ademais de co piruvato da glicólise que entra na mitocondria).
Outra función da lanzadeira é rexenerar o NAD+ do citosol, que pode así volver a intervir en máis reacción redox, como a glicólise, a cal pararía se o NADH formado non se rexenera a NAD+.
Ademais da lanzadeira do malato, que é a máis activa, existe outra lanzadeira con funcións similares, chamada lanzadeira do glicerol-fosfato, que se usa noutros tecidos e ten un menor rendemento enerxético.