![]() ![]() | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (en) Alcorn ![]() 15 de novembro de 1997 ![]() Kings Mills, Estados Unidos de América ![]() |
Morte | 28 de decembro de 2014 ![]() |
Causa da morte | suicidio, atropelo ![]() |
Lugar de sepultura | sen valor ![]() |
Educación | Academia Virtual de Ohio ![]() |
Actividade | |
Ocupación | blogueira ![]() |
![]() ![]() ![]() ![]() |
Leelah Alcorn, nada o 15 de novembro de 1997 en Kings Mills (Ohio) e finada o 28 de decembro de 2014, foi unha rapaza transxénero estadounidense cuxo suicidio atraeu a atención dos medios nacionais e internacionais. Alcorn publicara unha nota de suicidio no seu blog de Tumblr, escribindo sobre estándares sociais relacionados coas persoas transxénero e expresando esperanza en que a súa morte crearía un diálogo sobre a discriminación, abuso e falta de apoio para as persoas transxénero.
Asignada ó xénero de varón no seu nacemento como Joshua Alcorn, criouse en Ohio no seo dunha familia afiliada co movemento da Igrexas de Cristo. Ós 14 anos de idade indicoulle a súa condición de transxénero ós seus pais, Carla e Doug Alcorn, que rexeitaron aceptar a súa identidade de xénero feminina. Ós 16 anos de idade denegáronlle a súa petición de someterse a terapia de reasignación sexual, someténdoa no seu lugar a unha terapia de conversión cristiá coa intención de convencela de que rexeitase a súa identidade de xénero e aceptase o xénero que lle asignaran ó nacer. Tras revelarlles ós seus compañeiros de clase que lle atraían os varóns, os seus pais sacárona da escola e prohibíronlle o acceso ás redes sociais. Na súa nota de suicidio Alcorn citou a soidade e a alienación como motivos chave da súa decisión de poñer fin a súa vida e culpou ós seus pais por causar estes sentimentos. Alcorn suicidouse poñéndose fronte o tráfico que circulaba pola Interestatal 71 á altura de Lebanon, Ohio.
Alcorn dispuxo a publicación en liña da súa nota de suicidio varias horas despois da súa morte, atraendo en pouco tempo a atención internacional dos medios e redes sociais. Varios activistas LGTB reclamaron atención para o suceso cualificándoo como unha proba dos problemas sufridos pola xuventude transxénero, mentres que nos Estados Unidos e no Reino Unido celebráronse vixilias na súa memoria. Os pais de Alcorn foron criticados por referirse a Leelah como varón en varias entrevistas realizadas cos medios de comunicación, defendendo o seu rexeitamento a aceptar a identidade sexual do seu fillo e o uso da terapia de conversión como referencia ós seus valores cristiáns. Foron acosados en liña en varias redes sociais, mentres que o activista polos dereitos LGTB Dan Savage culpounos directamente da morte de Leelah. Pouco despois do seu suicidio comezou unha campaña de peticións para o establecemento da chamada "Lei de Leelah", a prohibición da terapia de conversión nos Estados Unidos, apoiada polo entón presidente do país Barack Obama. Ó ano seguinte a cidade de Cincinnati aprobou unha lei para a ilegalización da terapia de conversión.