Legionella é o nome dun xénero de bacterias patóxenas gramnegativas de forma bacilar, nas que se inclúen as especies que causan a lexionelose (ou enfermidade do lexionario), que é fundamentalmente a L. pneumophila.[1][2] Poden visualizarse doadamente con tinguidura de prata.
As lexionelas son comúns en moitos ambientes, e están moi diversificadas, xa que se identificaron polo menos 50 especies e 70 serogrupos. As cadeas laterais da parede celular son as responsables da especificiidade de antíxeno somático destes organismos. A composición química destas cadeas laterais con respecto aos seus compoñentes e a disposición dos diferentes azucres é a que determina a natureza dos determinantes antixénicos O ou somáticos, que son esenciais para a clasificación serolóxica de moitas bacterias gramnegativas.
O xénero Legionella recibiu o seu nome por un estalido epidémico ocorrido en 1976 en Filadelfia dunha daquela "misteriosa doenza" que fixo enfermar a 221 persoas, das cales morreron 34. Os primeiros casos detectáronse entre os asistentes á convención da Lexión Americana, unha asociación de veteranos das forzas armadas dos EEUU. A noticia foi moi poublicitada e causou grande impacto e preocupación nos Estados Unidos.[3] O axente causante foi identificado en 1977 e tratábase dunha bacteria ata entón descoñecida, posteriormente chamada Legionella.