Nado no seo dunha adiñeirada familia de clase media en Simbirsk, Lenin adquiriu interese pola política revolucionaria de esquerda logo da execución do seu irmán en 1887. Pouco despois ingresa na Universidade de Kazán, onde é expulsado pola súa participación en protestas antitsaristas, adicando os seguintes anos á obtención do título en dereito e á política radical, adoptando as teses do marxismo. En 1893 mudouse á daquela capital de Rusia San Petersburgo, onde continuou coa súa actividade política, converténdose nunha figura importante dentro da Unión de Loita pola Emancipación da Clase Obreira. Arrestado e exiliado a Siberia durante tres anos, consegue fuxir posteriormente cara a Europa occidental, vivindo en Alemaña, Inglaterra e Suíza. Despois da Revolución de Febreiro de 1917 na que foi derrocado o Tsar, e na que un goberno provisional asume o poder, decide regresar ao seu lar.
Como político, Lenin era un orador carismático e convincente. Como intelectual os seus amplos desenvolvementos teóricos e filosóficos do marxismo produciron o marxismo-leninismo, unha aplicación pragmática rusa do marxismo que fai fincapé no papel fundamental desempeñado por unha vangarda política comprometida e disciplinada no proceso revolucionario, defendendo a posibilidade dunha revolución socialista nos países capitalistas menos desenvolvidos a través dunha alianza do proletariado co campesiñado rural. Lenin segue a ser hoxe en día unha figura controvertible en todo o mundo. Os seus críticos táchano de ditador, tese contrarrestada polos seus partidarios aducindo as limitacións do seu poder e considerándoo un heroe da clase obreira. Tivo ademais unha grande influencia no movemento marxista-leninista, que dende a súa morte evolucionou nunha gran variedade de escolas de pensamento como o estalinismo, o maoísmo ou o trotskismo.