A lima é un nome xenérico polo que se coñecen as froitas de varias especies de cítricos, as limeiras. As especies que reciben o nome de limeiro varían marcadamente segundo as rexións, mais a miúdo adóitase falar do limeiro acedo, Citrus × aurantifolia.
Son froitos miúdos, amarelos o as máis das veces verdes, de polpa aceda e fortemente aromática. A confusión remóntase á introdución do froito en Europa dende o Oriente Medio durante as Cruzadas, cando o termo persa لیمو (limu) designaba a varias especies sen relación entre si, incluíndo outras (coma Citrus × limon) hoxe coñecidas xeralmente coma limoeiros (limón)s. O termo yambira, documentado nas referencias hindús máis antigas ao froito, é tamén ambiguo.
As limas valóranse polo xeral polo seu contido aromático; a pela utilízase relada finamente en repostaría, os froitos secos e conservados en sal empréganse na gastronomía persiana como adubo, e as follas dalgunhas variedades empréganse como aromatizante na cociña do sueste asiático. Apréciase tamén o seu zume acedo e fresco, que se emprega para confeccionar bebidas refrescantes e na preparación de cócteles alcólicos; polo seu acedume, algunhas especies coñecidas noutros países coma limas, sobre todo en Latinoamérica, se lles chama limóns.