En economía, o limiar de pobreza (coñecido tamén como soleira de pobreza ou liña de pobreza) é o nivel de ingresos por debaixo do cal unha familia é incapaz de satisfacer as necesidades dos seus membros. Na práctica, coma na definición de pobreza para a que tampouco existe unha única definición, discútese como e onde situar a liña de pobreza. Diferentes países tenden a usar diferentes limiares de pobreza. O limiar de pobreza que se usa nas nacións desenvolvidas é xeralmente máis alto có que usan os países do Terceiro Mundo.
Cando se fan comparacións internacionais co obxecto de comparar niveis de benestar económico entre varios países emprégase un mesmo limiar de pobreza servíndose de datos expresados en paridade de poder adquisitivo (en inglés PPP 'purchasing power parity'). Comparando o poder adquisitivo dos fogares poden salvarse as flutuacións de cambio e franquearse as diferenzas entre os prezos das distintas economías.
Cando se di que se vive por menos de 1 dólar ó día debe entenderse que o consumo diario de bens e servizos é comporable á cantidade de bens e servizos que se poden comprar nos Estados Unidos por $1. Os bens producidos por un mesmo e os servizos públicos tamén estarían comprendidos nesta medición. O limiar de pobreza é útil como ferramenta económica coa que medir as persoas que viven en pobreza e poñer en funcionamento reformas socioeconómicas coma os seguros de desemprego para reducir a pobreza.