Taxico Тоҷикӣ / Tojikī | ||
---|---|---|
Pronuncia: | /tɔːdʒɪˈkiː/ | |
Outros nomes: | Taxico persa, galcha | |
Falado en: | Tadjiikistán, Afganistán, Uzbekistán | |
Rexións: | Asia Central | |
Total de falantes: | 7,8 millóns (censo de 2015)[1] | |
Familia: | Indoeuropea Indoirania Irania Occidental Occidental meridional Rama persa Taxico | |
Escrita: | Alfabeto cirílico | |
Status oficial | ||
Lingua oficial de: | Tadjiikistán | |
Regulado por: | Academia das Ciencias de Tadjiikistán | |
Códigos de lingua | ||
ISO 639-1: | tg
| |
ISO 639-2: | tgk | |
ISO 639-3: | tgk
| |
SIL: | tgk
| |
Mapa | ||
Status | ||
O taxico (тоҷикӣ, en cirílico, تاجیکی en perso-arábigo, AFI [tɔːdʒɪˈkiː]) é unha lingua irania da mesma rama co persa, falado por preto de sete millóns de persoas. O taxico contemporáneo, coma persa contemporáneo, é a continuación do persa clásico, ben coñecido polos documentos escritos que se remontan aos séculos IX e X d. C. É o idioma oficial en Tadjiikistán[3], aínda que tamén se fala nos países limítrofes, principalmente en Afganistán, no Uzbekistán e en Kirguizistán.
O fraccionamento político característico da época feudal e a ausencia de lazos estables económicos e culturais entre as distintas rexións nas que vivían os falantes taxicos, facilitaron o nacemento e mantemento nesas rexións de dialectos variados. Foi só tralo triunfo da Revolución de 1917 e a consolidación do poder soviético no territorio de Asia Central cando se abre un proceso para concentrar os varios dialectos cara a un taxico literario contemporáneo. Naturalmente, trala desintegración da Unión Soviética e a recuperación da soberanía nacional ese proceso cambiou de mans e agora é a Academia das Ciencias de Tadjiikistán a encargada de facer esa labor. O idioma estándar baséase nos dialectos do noroeste de Taxiq (rexión da antiga cidade de Samarcanda), que foron considerablemente influenciados pola lingua uzbeka, como resultado da proximidade xeográfica.
Un grande mérito do estudo do taxico e dos seus dialectos débese enteiramente aos estudosos ruso-soviéticos. Do período pre-revolucionario destacan O.I. Senkovskij e V.V. Grigoriev que por primeira vez sinalaron algunhas características gramaticais e léxicas da lingua dos autores centro-asiáticos. Tamén C. Salemann dirixiu a súa atención á fonética taxica a partir de textos xudeu-persas de Bukhara (ademais de diferentes estudos sobre o iagnobí). No período soviético abriuse unha nova etapa no estudo da lingua e o achado de solucións para a creación dunha nova lingua literaria, dunha ortografía, dunha terminoloxía etc. E foi sobre todo grazas aos traballos de I.I. Zarubin e dos seus discípulos que se desenvolveu a mediados dos anos vinte do século XX o estudo dos dialectos e da fonética do taxico.
O taxico tamén mantivo diversos elementos arcaicos no seu vocabulario e na gramática, que se perderan no resto do mundo persófono, grazas ao seu relativo illamento nas montañas da Asia Central.