As linguas otomangueanas[1] constitúen unha extensa familia lingüística que abrangue varios grupos de linguas amerindias faladas entre o centro de México e Nicaragua, aínda que só sobreviven as linguas otomangueanas que se falan no territorio mexicano. O maior número de falantes desta familia atópase no estado de Oaxaca, os falantes de zapoteco e de mixteco suman xuntos cerca de 1,5 millóns de persoas (case a terceira parte da poboación oaxaqueña). O número total de falantes de todas as variedades xuntas supera os dous millóns.
No Altiplano, as linguas oto-pameanas pertencentes a esta familia contan cunha importante presenza en estados como Hidalgo, Querétaro, México, San Luis Potosí, Tlaxcala, Puebla e Guanajuato, onde existen importantes comunidades falantes de otomí e mazahua, así como pequenos núcleos que conservan outros idiomas desta rama, incluídos o chichimeca, tlahuica, matlatzinca e pame.
Varias linguas otomangueanas encóntranse en perigo de extinción, entre elas, as últimas catro mencionadas no parágrafo anterior. Como exemplo, o ixcateco e o matlatzinca contan cunhas poucas centenas de falantes. Grupos completos, como o mangueano, xa desapareceron.