A luz ou luz visible é a radiación electromagnética comprendida na parte do espectro electromagnético que percibe o ollo humano.[1] A luz visible defínese xeralmente como a que ten lonxitudes de onda no rango de 400-700 nanómetros (nm), entre o infravermello (con lonxitudes de onda máis longas) e o ultravioleta (con lonxitudes de onda máis curtas).[2][3] Esta lonxitude de onda supón unha gama de frecuencias de aproximadamente 430-750 terahercios (THz).
As propiedades principais da luz visible son intensidade, dirección de propagación, espectro de frecuencia ou lonxitude de onda e polarización. A súa velocidade no baleiro, 299.792.458 metros por segundo (m/s), é unha das constantes fundamentais da natureza.[4]
En física, o termo "luz" refírese ás veces á radiación electromagnética de calquera lonxitude de onda, visible ou non.[5][6] Neste sentido, tamén son luz os raios gamma, os raios X, as microondas e as ondas de radio. Como todos os tipos de radiación electromagnética, a luz visible propágase en forma de ondas. Con todo, a enerxía transmitida polas ondas absórbese en lugares únicos da mesma maneira que se absorben as partículas. A enerxía absorbida polas ondas electromagnéticas denomínase fotón e representa o quanto da luz. Cando unha onda de luz transfórmase e é absorbida como un fotón, a enerxía da onda colapsa instantaneamente nun único lugar e este lugar é onde "chega" o fotón. Isto é o que se denomina colapso da función de onda. Esta dobre natureza da luz, similar a unha onda e tamén a unha partícula, coñécese como dualidade onda-partícula. O estudo da luz, coñecido como óptica, é unha importante área de investigación da física moderna.
A principal fonte de luz na Terra é o Sol. Historicamente, outra fonte importante de luz para os seres humanos foi o lume, desde as antigas fogueiras ata as modernas lámpadas de parafina. Co desenvolvemento das luces eléctricas e os sistemas de enerxía, a iluminación eléctrica substituio efectivamente á luz do fogo.