Mancha solar

Unha mancha solar é unha rexión do Sol cunha temperatura máis baixa cós seus arredores, e cunha intensa actividade magnética.

Unha mancha solar típica consiste nunha rexión central escura, chamada "umbra", rodeada por unha "penumbra" máis clara. Unha soa mancha pode chegar a medir ata 12.000 km (case tan grande como o diámetro da Terra), pero un grupo de manchas pode atinxir 120.000 km de extensión e mesmo máis. A penumbra está constituída por unha estrutura de filamentos claros e escuros que se estenden máis ou menos radialmente dende a umbra. Ambas (umbra e penumbra) parece escuras por contraste coa fotosfera, simplemente porque están máis frías do que a temperatura media da fotosfera; así a umbra ten unha temperatura de 4.000 K, mentres que a penumbra acada os 5.600 K, evidentemente inferiores aos aproximados 6.000 K que teñen os gránulos da fotosfera. Pola lei de Stefan-Boltzmann, en que a enerxía total radiada por un corpo negro (como unha estrela) é proporcional á cuarta potencia da súa temperatura efectiva (E = σ T4 ,onde σ = 5.67051 x 10−8 W/m2/K4 ), a umbra emite aproximadamente un 32% da luz emitida por unha área igual da fotosfera e analogamente a penumbra ten un brillo dun 71% da fotosfera. A escuridade dunha mancha solar é soamente un efecto de contraste; se puidésemos ver unha mancha tipo, cunha umbra do tamaño da Terra, illada e á mesma distancia có Sol, brillaría unha 50 veces máis cá Lúa chea. As manchas están relativamente inmóbiles con respecto á fotosfera e participan da rotación solar. A área da superficie solar cuberta polas manchas mídese en termos de millonésima do disco visible.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne