Manic Street Preachers | |
---|---|
Orixe | Blackwood, País de Gales |
Período | 1986 - presente |
Xénero(s) | rock alternativo, britpop |
Selo(s) discográfico(s) | Columbia, Epic, Heavenly, Damaged Goods |
Membros | James Dean Bradfield Nicky Wire Sean Moore |
Antigos membros | Richey James Edwards Miles Woodward |
Na rede | |
manicstreetpreachers.com | |
Manic Street Preachers, tamén coñecida como Manics, é unha banda galesa de rock fundada en Blackwood en 1986 en Blackwood. O grupo está formado por Nicky Wire (baixo e letras) e os curmáns James Dean Bradfield (voz e guitarra) e Sean Moore (batería e percusión). Forman unha parte fundamental do movemento cultural galés Cool Cymru da década dos 90.
Tras o lanzamento do seu sinxelo de estrea "Suicide Alley" en 1988, Manic Street Preachers converteuse nun cuarteto coa incorporación de Richey Edwards como guitarrista rítmico e co-letrista. Os primeiros álbums da banda tiñan unha sonoridade punk, evolucionando posteriormente cara un son rock alternativo máis amplo, mantendo unha visión política de esquerdas.[1] A súa primeira combinación de imaxes glam andróxinas e letras sobre "cultura, alienación, aburrimento e desesperación" fíxolles gañar un público leal.
O primeiro traballo de Manic Street Preachers en entrar nas listas foi o sinxelo "Motown Junk" en 1991, seguido polo seu álbum de estrea, Generation Terrorists, en febreiro de 1992. Os seguintes dous álbums foron Gold Against the Soul en 1993 e The Holy Bible en 1994,[2] sendo este último o derradeiro con Edwards, que desapareceu en febreiro de 1995 e foi declarado legalmente morto en 2008.[3] A banda continuou como un trío e conseguiu éxito comercial cos discos Everything Must Go (1996) e This Is My Truth Tell Me Yours (1998).
Os Manics teñen sido cabezas de cartel en festivais como Glastonbury, T in the Park, V Festival e Reading, gañando once NME Awards, oito Q Awards e catro BRIT Awards.[4] Foron nomeados para o Mercury Prize en 1996 e 1999, e tiveron unha nomeación para os MTV Europe Music Awards. A banda vendeu máis de 10 millóns de álbums en todo o mundo. Os Manics teñen dous sinxelos número 1 na lista británica: "If You Tolerate This Your Children Will Be Next" (1998) e "The Masses Against the Classes" (2000), así como dous álbums número 1: This Is My Truth Tell Me Yours e The Ultra Vivid Lament (2021).[5] Dende 1991 ata 2010, a banda tivo 33 sinxelos consecutivos no top 40 do Reino Unido.[6]