En bioloxía molecular, un marco de lectura é unha forma de dividir a secuencia de nucleótidos dunha molécula de ácido nucleico (ADN ou ARN) nun conxunto de tripletes consecutivos e non solapados. Cando estes tripletes igualan o número de aminoácidos ou sinais de parada durante a tradución de proteínas, denomínanse codóns.
Unha soa febra de molécula de ácido nucleico ten un extremo fosforilo, chamado extremo 5′ e un extremo hidroxilo ou extremo 3′. Estes definen a dirección 5′→3′. Hai tres marcos de lectura que se poden ler nesa rirección 5′→3′, cada un dos cales empeza nun nucleótido diferente do triplete. Nun ácido nucleico bicatenario, hai outros tres marcos de lectura posibles na outra febra, chamada febra complementaria na dirección 5′→3′ desa febra. Como as dúas febras dunha molécula de ácido nucleico bicatenario son antiparalelas, a dirección 5′→3′ da segunda febra correspóndese coa dirección 3′→5′ da outra febra.[1][2]
En xeral, como moito, un só marco de lectura nunha sección determinada dun ácido nucleico é bioloxicamente relevante (marco de lectura aberto). Algúns transcritos virais poden traducirse usando marcos múltiples solapados.[3] Coñécese un exemplo de marcos de lectura solapados no ADN mitocondrial de mamíferos: porcións codificantes de xenes para dúas subunidades da ATPase que se solapan.