O marfil ou almafí (do árabe al-fil [الفيل] e este do persa pil, "elefante") segundo a Real Academia Galega é:[1][2]
Materia ósea dura e compacta de cor branca, da que está composta a parte máis resistente dos dentes dos mamíferos. Unha figura de marfil. O marfil dos dentes está cuberto de esmalte.
A etimoloxía alude aos dentes incisivos dos elefantes (mal denominados caíños ou cairos, e mesmo defensas) pero, na práctica, a palabra marfil aplícase tamén aos dentes doutros animais coma o mamut, a morsa, o cachalote ou o hipopótamo, de característica físicas similares ás dos incisivos do elefante.
Antes da aparición dos plásticos o marfil era moi usado como material para a fabricación das teclas dos pianos, bólas de billar, botóns e artigos ornamentais de xoiaría.
Emprégase o marfil para adorno de mobles e na construción de multitude de obxectos tales coma cepillos, peites, puños de bastóns ou caixas.