Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde setembro de 2014.) |
A Sega Mega Drive, coñecida en diversos territorios de América como Sega Genesis, é unha videoconsola de 16 bits producida por Sega. Forma parte da cuarta xeración de videoconsolas e competiu no mercado contra a SNES de Nintendo. Foi comercializada en 1988 no Xapón como Mega Drive e en 1989 en Norteamérica como Genesis. En 1990, foi distribuída en Europa como Mega Drive por Virgin Mastertronic, Ozisoft en Australasia e Tec Toy no Brasil. En Corea do Sur foi distribuída por Samsung co nome Super Gam*Boy e posteriormente Super Aladdin Boy.
Deseñada por un equipo de I+D supervisado por Hideki Sato e Masami Ishikawa, a Mega Drive foi adaptada da placa arcade Sega System 16, centrada nun procesador Motorola 68000 coma CPU, cunha controladora de son Zilog Z80 e un sistema de vídeo compatible con sprites, tiless e desprazamentos (scrolling). O sistema alberga unha biblioteca de máis de 900 xogos en formato cartucho. Distribuíronse diversos periféricos, como unha base convertidora para poder utilizar xogos de Master System. A consola sufriu múltiples variacións, realizadas tanto por Sega coma por terceiros. Ademais, Sega creou dous servizos de rede para esta consola: Sega Meganet (o Xapón e o Brasil) e Sega Channel (Norteamérica).
Moitos dos seus xogos foron relanzados anos máis tarde en compilacións ou mediante servizos en liña como Nintendo Virtual Console, Xbox Live Arcade, PlayStation Network e Steam. A Mega Drive foi sucedida en 1994 pola Sega Saturn.