A membrana nictitante ou terceira pálpebra, é unha estrutura propia de certos animais.
Trátase dunha fina lámina, unha dobra da conxuntiva, que se encontra en moitos animais e que actúa como unha pálpebra accesoria que ten por obxecto protexer e limpar o globo ocular por debaixo das pálpebras principais.
Localízase por regra xeral nunha posición medio-ventral. É retráctil e pódese estender no sentido horizontal e cubrir a córnea, non bloqueando enteiramente a visión, xa que é translúcida nalgúns animais.
Nas aves, a membrana nictitante pecha por un só lado, e é case transparente. As pálpebras propiamente ditas non se pechan durante o pestanexo, pero o fan para durmir.
Normalmente non é visíbel nun animal san, pero pode cubrir medio ollo se o animal está enfermo (virus, diarrea, febre, vermes).
Ademais das aves, tamén posúen membranas nictitantes os réptiles, os anfibios e certos peixes, especialmente os tiburóns).[1]
Nos mamíferos ten unha forma en T. No ser humano materialízase na prega semilunar da conxuntiva, unha protuberancia de cor rosa no canto interno medial dos ollos.