Menxevique

Os menxeviques Pavel Axelrod, Julius Martov e Alexander Martínov en Estocolmo (maio de 1917)

Os menxeviques (en ruso меньшевики, mensheviki) eran a facción moderada do Partido Obreiro Socialdemócrata de Rusia.

Os menxeviques, encabezados por Julius Martov, sostiñan que non había que esixir pertencer a unha das organizacións de base do partido, como condición para ser recoñecido como membro del. Por contra, pensaban que era preferible contar cunha base partidaria ampla, a diferenza do modelo de partido único de vangarda do proletariado que propuña Lenin. Consideraban que en Rusia debía cumprirse en primeiro lugar unha revolución burguesa durante a que ó partido obreiro lle correspondería ser a facción da esquerda. Nunha liña socialdemócrata, formulaban a instauración dunha democracia representativa mantendo a estrutura de produción capitalista.

A posición organizativa de Martov sobre o partido contou co apoio maioritario dos delegados presentes no congreso. Porén, inmediatamente achouse en minoría á hora de escoller o comité directivo, debido a que algúns delegados se retiraron do congreso porque este non aceptou certas propostas do seu interese. De aí provén o alcume de menxeviques, "a minoría".

Pese ás diferenzas, os menxeviques mantivéronse formalmente dentro do partido e foron moi activos na organización dos soviets durante a Revolución de 1905. Porén, tras o fracaso desta, abandonaron a idea da loita armada. Centráronse en tratar de formar un partido legal e avogaron por unha liquidación progresiva do tsarismo cara a unha revolución burguesa, na que o terceiro estado compartise o poder. A súa separación do partido fíxose definitiva en 1912.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne