![]() | Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xullo de 2014.) |
Para o método de reprodución vexetativa véxase o artigo Porbaixa
O mergullo, tamén chamado submarinismo, é o acto por medio do cal o home se somerxe en corpos de auga, xa sexa o mar, un lago ou un río, co fin de desenvolver unha actividade deportiva, comercial ou de procura científica ou militar con ou sen axuda de equipos especiais. O mergullo presenta dous formas de practicalo: a apnea (do grego ἄπνοια apnoia, "sen respiración"), técnica tamén coñecida como mergullo libre ou a pulmón; e o mergullo con equipo, que pode ser con escafandro autónomo —tamén denominado SCUBA (acrónimo inglés de Self Contained Underwater Breathing Aparatus) ou mergullo con botella— ou dependente de superficie (SSD —Surface Supply Dive)...
As técnicas de apnea e SCUBA con aire pertencen á categoría deportiva ou recreativa. As técnicas SCUBA con mestura de gases (nitróxeno, helio, trimix) e SSD considéranse dentro da categoría de mergullo técnico ou profesional debido ao risco e nivel de preparación requirido polo mergullador que as emprega. O mergullo deportivo limítase en xeral aos -40 m de profundidade (aínda que en apnea poden acadar profundidades máis importantes), mentres que o mergullo profesional con mesturas especiais permite acadar profundidades de -100 m ou máis.
O mergullo en apnea consiste nas técnicas e habilidades para realizar inmersións mantendo a respiración despois dunha profunda inspiración en superficie. Pode practicarse sen ningún equipo especial, pero a configuración deportiva actual consta dunha máscara apropiada, aletas, tubo de respiración ou snorkel, lastre e se é necesario un traxe de material termo-illante. É a forma de mergullo máis sinxela e máis antiga empregada polo ser humano, aparece en diversas rexións e culturas para explotar fontes de alimento (como peixes, crustáceos e moluscos), recursos útiles (algas, esponxas, corais) e recursos de valor cultural ou económico (perlas).
O mergullo SCUBA consiste no almacenamento de aire a presión nunha botella que é transportada polo mergullador, o que lle permite a este ir respirando o aire almacenado durante un tempo de autonomía considerable. Ademais do equipo básico, require dunha botella de almacenamento do aire, un arnés, un mecanismo de flotabilidade —integrado o arnés e o sistema de flotabilidade reciben o nome chaleco hidrostático, chaleco de flotabilidade ou BCD (acrónimo inglés de Buoyancy Compensation Device)—, un sistema de válvulas, un sistema de lastre, tubos e embocadura(s) que conforman o que se denomina regulador na súa forma máis básica; pero os estándares de seguridade requiren unha serie de "reloxos" que lle permitan saber a que profundidade e canto aire ten, profundímetro e manómetro
O mergullo deportivo (apnea e SCUBA) é unha actividade segura, pero que presenta riscos que lle son propios e que demanda moita responsabilidade por parte dos seus practicantes. Unha preparación axeitada, a familiaridade co equipo empregado, o coñecemento e aplicación das medidas de seguridade, un mínimo de coñecementos técnicos e fisiolóxicos e o respecto polos organismos do medio acuático son as condicións mínimas para levar a ben e sen contratempos estas actividades.