Methanosarcina

Methanosarcina é un xénero de microorganismos arqueanos euriarqueotas produtores de metano (arqueas metanóxenas). Estes microorganismos son os únicos coñecidos que son metanóxenos anaeróbicos e producen metano utilizando tres vías metabólicas para a súa metanoxénese. Viven en diversos ambientes nos que poidan permanecer a salvo dos efectos do oxíxeno, xa sexa na superficie da Terra, en augas subterráneas, en fontes termais mariñas profundas, ou mesmo no tracto dixestivo de animais. Methanosarcina crece formando colonias de células agrupadas.

O aminoácido pirrolisina descubriuse na especies Methanosarcina barkeri. Atopáronse versións primitivas da hemoglobina en M. acetivorans, o que indica que este microbio ou un devanceiro seu puido ter xogado un importante papel na evolución da vida na Terra. Algunhas especies de Methanosarcina teñen xenomas infrecuentemente grandes. De feito, M. acetivorans ten o xenoma máis grande coñecido nunha arquea.

Segundo unha teoría publicada en 2014 , Methanosarcina puide ser en boa medida responsable do peor episodio de extinción na historia da Terra, que foi a extinción permo-triásica, sobre a que hai varias teoría explicativas. A teoría suxire que a adquisición dunha nova vía metabólica por medio de transferencia de xenes causou unha reprodución expoñencial do microbio, que consumiu rapidamente enormes depósitos de carbono orgánico dos sedimentos mariños, orixinando unha rápida acumulación de metano e dióxido de carbono nos océanos da Terra e na atmosfera, que matou o 90% das especies do mundo.

Methanosarcina leva utilizándose no tratamento de augas residuais desde mediados da década de 1980. Atopáronse tamén maneiras de utilizala como unha fonte de enerxía alternativa.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne