Metro de Madrid | ||
Localización | Área metropolitana de Madrid, España | |
Tipo de transporte | Metro | |
Inauguración | 17 de outubro de 1919 | |
Lonxitude das liñas | 324 km | |
Número de liñas | 12 convencionais, 1 ramal e as 3 liñas de metro lixeiro | |
Nº de usuarios ao día | 1 689 132 (en 2004) | |
Parque móbil | 1.550 coches (en 2004) | |
Ancho de vía | 1,445 m | |
Control do metro | Comunidade de Madrid e Concello de Madrid |
O Metro de Madrid é un sistema de metro que serve á cidade de Madrid, en España. Foi inaugurado o 17 de outubro de 1919 polo rei Afonso XIII.
A rede conta con 238 estacións, das que 200 son sinxelas, en 27 trasbordan dúas liñas, en 10 teñen parada tres liñas e a estación de Avenida de América que serve de transbordo a catro liñas. En tres desas estacións (Tres Olivos, Estadio Olímpico e Puerta de Arganda), faise cambio de tren dentro dunha mesma liña, e en 21 paradas hai correspondencia coa rede de Cercanías Madrid de Renfe. Se se teñen en conta as liñas que pasan por cada estación a cifra de estacións en total asciende a 300 estacións en liña.
A rede de Metro de Madrid compóñena 12 liñas convencionais con 238 estacións, o ramal que une Ópera e Príncipe Pío e as tres liñas existentes de metro lixeiro que suman un total de 27,78 km e contan con 38 estacións, das que Metro de Madrid opera as 9 paradas da liña ML1 de 5,4 km; a lonxitude total da rede é de 293 quilómetros.
É a quinta rede de metro do mundo por quilómetros (despois das de Londres, Nova York, Toquio e Moscova);[1] dato notable tendo en conta que, cuns 3 millóns de habitantes no seu municipio e case 6 millóns na súa área metropolitana, a cidade sitúase no posto 50º entre as metrópoles do mundo. É ademais unha das que máis rapidamente se expande na actualidade, con notables ampliacións durante a última década. Con todo, durante o 2004 contabilizáronse 616 533 167 desprazamentos, que a deixan lonxe das 10 primeiras redes de metro polas súas cantidades de viaxeiros[2].
Actualmente a rede estendeuse máis alá da cidade de Madrid para prestar servizo a varios concellos da súa área metropolitana. Estes son: Alcobendas, San Sebastián de los Reyes, Coslada, San Fernando de Henares, Rivas-Vaciamadrid, Arganda del Rey, Alcorcón, Leganés, Xetafe, Móstoles, Fuenlabrada, Pozuelo de Alarcón e Boadilla del Monte (os dous últimos están conectados por liñas de metro lixeiro).