A palabra micorriza, de orixe grega, define a simbiose entre un fungo (mycos) e as raíces (rhizos) dunha planta. Como noutras relacións simbióticas, ambos os participantes obteñen beneficios.[1] Neste caso a planta recibe do fungo principalmente nutrientes minerais e auga, e o fungo obtén da planta hidratos de carbono e vitaminas que el por si é incapaz de sintetizar mentres que ela pódeo facer grazas á fotosíntese e outras reaccións internas.
Moitas plantas presentan micorrizas para aumentar a absorción de auga e sales minerais do chan. As micorrizas son a asociación entre raíces dunha planta e o micelio dun fungo, de forma que toda a extensión do micelio participa na absorción de nutrientes para a planta.
Na Natureza esta simbiose prodúcese espontáneamente. Estímase que entre o 90 e o 95% das plantas superiores presentan micorrizas de forma habitual. É posible que un mesmo fungo forme a micorriza con máis dunha planta á vez, establecéndose deste xeito unha conexión entre plantas distintas; isto facilita a existencia de plantas parasitas (algunhas das cales nin sequera realizan a fotosíntese, como as do xénero Monotropa), que extraen todo o que necesitan do fungo micobionte e as outras plantas coas que este tamén establece simbioses. Así mesmo, varios fungos (en ocasións de especies diferentes) poden micorrizar unha mesma planta ao mesmo tempo.