O monomito ou mito único, tamén coñecido como viaxe do heroe, é un termo acuñado polo antropólogo e mitólogo estadounidense Joseph Campbell para definir o modelo básico de moitos relatos épicos de todo o mundo. Este patrón tan amplamente distribuído está descrito por Campbell na súa coñecida obra The Hero with a Thousand Faces (1949). Grande admirador do novelista James Joyce, Campbell tomou prestado o termo "monomito" da novela de Joyce Finnegans Wake.[1][2]
Campbell sostén que os heroes de numerosos mitos de tempos e rexións dispares comparten estruturas e desenvolvementos fundamentais, que aparecen resumidos en The Hero with a Thousand Faces.
Campbell e outros estudosos, tales como Erich Neumann, describen as historias de Gautama Buda, Moisés e Cristo en termos de "monomito", e Campbell sostén que moitos mitos clásicos de gran variedade de culturas seguen este patrón básico.