Morte celular programada

A morte celular programada (MCP) é un programa intracelular que leva á morte dunha célula, que pode ter lugar de diversas formas.[1][2] A morte celular programada lévase a cabo por medio dun proceso biolóxico regulado, que xeralmente confire vantaxes durante o ciclo de vida dun organismo. Por exemplo, a diferenciación dos dedos e dedas durante o desenvolvemento embrionario humano ocorre porque as células situadas entre os dedos (que inicialmente están unidos) sofren apoptose, e o resultado é que os dedos quedan separados. A MCP desempeña funcións fundamentais durante o desenvolvemento dos tecidos de plantas e animais.

A apoptose e a autofaxia son as principais formas de morte celular programada, mentres que a necrose considérase tradicionalmente un proceso non fisiolóxico que ocorre como resultado dunha infección ou lesión.[3] A necrose é a morte dunha célula causada por factores externos, como traumas ou infeccións e ocorre de diferentes maneiras. Porén, recentemente, descubriuse unha forma de necrose programada, chamada necroptose,[4] que foi considerada como unha forma alternativa de morte celular programada. Hipotetízase que a necroptose pode servir como un seguro de reserva da morte celular por apoptose, usado cando a sinalización da apoptose é bloqueada por factores externos e internos, como virus ou mutacións. Máis recentemente, descubríronse outros tipos de necrose regulada, que comparten varios eventos de sinalización coa necroptose e a apoptose.[5]

Como a apoptose é a principal forma de morte celular programada, moitas veces ambos os termos aparecen usados como sinónimos. Non obstante, conforme se descubriron novos tipos de morte celular programada, este termo foi adquirindo un significado amplo.

  1. Engelberg-Kulka H, Amitai S, Kolodkin-Gal I, Hazan R (2006). "Bacterial Programmed Cell Death and Multicellular Behavior in Bacteria". PLoS Genetics 2 (10): e135. PMC 1626106. PMID 17069462. doi:10.1371/journal.pgen.0020135. Arquivado dende o orixinal o 11 de xullo de 2012. Consultado o 26 de agosto de 2018. 
  2. Green, Douglas (2011). Means To An End. New York: Cold Spring Harbor Laboratory Press. ISBN 978-0-87969-887-4. 
  3. Kierszenbaum, Abraham (2012). Histology and Cell Biology - An Introduction to Pathology. Philadelphia: ELSEVIER SAUNDERS. 
  4. Degterev, Alexei; Huang, Zhihong; Boyce, Michael; Li, Yaqiao; Jagtap, Prakash; Mizushima, Noboru; Cuny, Gregory D.; Mitchison, Timothy J.; Moskowitz, Michael A. (2005-07-01). "Chemical inhibitor of nonapoptotic cell death with therapeutic potential for ischemic brain injury". Nature Chemical Biology 1 (2): 112–119. ISSN 1552-4450. PMID 16408008. doi:10.1038/nchembio711. 
  5. Vanden Berghe T,Linkermann A, Jouan-Lanhouet S, Walczak H, Vandenabeele P, (2014). "Regulated necrosis: the expanding network of non-apoptotic cell death pathways". Nat Rev Mol Cell Biol 15 (2): 135–147. doi:10.1038/nrm3737. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne