A morte de Adolf Hitler tivo lugar o 30 de abril de 1945 no seu Führerbunker en Berlín. Hitler suicidouse dun disparo de pistola,[1][2][3] mentres que a súa muller Eva Braun suicidouse con el por medio da inxestión de cianuro.[4] Esa mesma tarde, seguindo instrucións previas de Hitler, os seus restos foron levados fóra do búnker pola saída de emerxencia, e tras botarlles gasolina foron queimados no xardín da chancelería do Reich.[5] Os rexistros soviéticos indican que os seus restos queimados foron recuperados e enterrados sucesivamente en varios lugares[6] ata 1970, cando foron exhumados de novo, incinerados e as súas cinzas foron espalladas.[7]
Os diversos recontos do feito difiren na causa da morte. Un indica que faleceu só por inxerir un veleno[8] mentres que outro indica que faleceu disparándose a si mesmo mentres inxería unha cápsula de cianuro.[9] Os historiadores contemporáneos rexeitaron estes recontos por ser ou ben propaganda soviética[10][11] ou un intento de compromiso para reconciliar as distintas conclusións.[9][12] Segundo unha testemuña o corpo tiña sinais de ter recibido un disparo a través da boca, mais isto probouse como pouco probable.[13][14] Existe tamén unha controversia con respecto á autenticidade dos fragmentos de mandíbula e cranio que foron recuperados.[15][7] No ano 2009 investigadores estadounidenses levaron a cabo unha análise de ADN no cranio que os oficiais soviéticos crían que era de Hitler. As probas e o exame dos restos revelaron que o cranio pertencía a unha muller de menos de 40 anos de idade, e os fragmentos de mandíbula recuperados non foron analizados.[16][17][18]